Friday 17 de May de 2024

Público e comerciantes mostran a súa satisfacción pola I Feira de Oportunidades de Ordes


Esta mañá abriu as súas portas contando cunha grande afluencia de compradores. Estará ata o sábado no espazo polivalente da praza de abastos, que se estrea con este evento e que está a ser valorado positivamente
Ordes 26 febreiro 2015. No día de hoxe abriron as portas da que xa é a I Feira de Oportunidades de Ordes. Unha cita que no que vai de xornada recibiu o beneplácito tanto por parte do público asistente como dos comerciantes e empresarios que están a participar. Dende primeira hora moitos veciños e veciñas do municipio comezaron a pasear polos máis de 470 metros cadrados que albergan os 13 postos instalados no espazo polivalente do primeiro andar da praza de abastos, lugar escollido para esta primeira edición da feira. Entre eles non faltou o alcalde, Manuel Regos, acompañado de moitos dos membros do seu equipo de goberno. Xuntos aproveitaron non só para facer algunha compra senón para falar e intercambiar opinións cos comerciantes.
Moda, agasallos, artesanía, zapatería, bixutería, marroquinería, alimentación, deporte etc é o que ata o sábado se poderá adquirir ao mellor prezo nun horario que vai de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas. A visita tamén posibilita coñecer de primeira man as novas dependencias e instalacións multifuncionais realizadas tras as obras concluídas recentemente. Unha nova infraestrutura que está a contar co apoio e a aprobación dos asistentes á feira no que vai de xornada.
Outra das iniciativas que está a contar cun alto nivel de aceptación son os obradoiros de chocolate que dende esta tarde se levarán a cabo, e para os que aínda quedan prazas vacantes nos grupos infantís, xa que os de adultos están completos. Pablo Pena, panadeiro e reposteiro da zona, será o encargado de impartir este obradoiro, no que se elaborarán distintas receitas. Para iso cóntase tamén coa colaboración da firma de chocolates Valrhona.